Sendeiro do Aloia

O PR-G2 Sendeiro do Aloia foi desenvolvido polo club Montañeiros Celtas e inaugurado en setembro de 1993 ao abeiro do Plan Provincial de Sendeirismo, apoiado pola Deputación de Pontevedra.

É un camiño accesible para todos sen necesidade de especial preparación dado que a súa dificultade é MEDIA-BAIXA, aínda que hai que ter en conta que transcorre por pistas e sendeiros con subidas e baixadas constantes sen pendentes excesivamente pronunciadas. A duración do mesmo é dunhas 3/4 horas.

Polo camiño atoparemos unha infinidade de curiosas e interesantes formacións rochosas así como diversas especies de flora: carballos, castiñeiros, piñeiros, eucaliptos, toxos, xestas, carqueixas, xestas, fentos, fungos, cogomelos e liques. E fauna como cabalos, vacas, cabras, ovellas, e aves rapaces.

O sendeiro comeza no parque forestal/merendeiro do Galiñeiro, compartido co sendeiro PR-G1 ata o refuxio Miguel Regueira de Montañeiros Celtas onde tras pasar este sepáranse, indo polo PR-G1 cara ao Leste, cara as vías de escalada e o Cumio do Galiñeiro Norte.

Seguindo o PR-G2 en dirección sur pola estribación do Galiñeiro por altas e cómodas ladeiras con amplas vistas que engloban todo o Val Miñor, cara ao Collado de Lombo da Zorra (nome derivado dos trineos de madeira que se empregaban nas canteiras para baixar as pedras) pasando por debaixo desta montaña de fácil acceso aínda que empinada e que paga a pena subir xa que ten unhas impresionantes vistas do Val do Louro e do Val Miñor que abrangue Portugal.

Seguimos por pistas entre aguillóns rochosos e agradables bosques, cruzaremos a estrada Gondomar-Chenlo (onde hai unha fonte que baixa uns 50 metros á dereita) pasando por antigas canteiras, agora en desuso chegamos a Prado, onde temos bares e restaurantes, pobo que pasaremos polas súas estribacións e moi preto do Parque Natural do Monte Aloia.

Xusto na entrada do mesmo atopamos A Pedra do Acordo que de forma pentagonal marca o punto de encontro entre 5 parroquias e 3 concellos: Morgadáns (Gondomar), Chenlo (O Porriño), e Malvas, Pazos de Reis e Rebordáns (Tui).

Unha vez no parque, a senda remata no refuxio de Montañeiros Celtas, que se atopa no seu cume dende 1945.

No Parque Natural do Monte Aloia atoparemos abundantes motivos para pasar varias horas exploralo, polo que convén planificar ben os tempos. Desde as impresionantes vistas desde todos os seus miradoiros, a capela románica de San Xiao co Via Crucis que culmina no miradoiro da Gran Cruz de 1900, a muralla ciclópea que rodea a altura e que conserva tramos, algúns de 300 metros, así como unha impresionante variedade de especies arbóreas froito do soño do agrónomo Rafael Areses que dende 1910 transformou un monte sen apenas vexetación nun lugar de enorme valor paisaxístico, demostrando que o rendemento económico do monte era perfectamente compatible co goce pola poboación.

O parque tamén ten un bar-restaurante.

Tracks do PR-G2

Tedes a vosa disposición os tracks en formato kml e gpx nas seguintes ligazóns: