O Montañismo é o deporte que consiste en escalar montañas ou ascender a pé por elas (Definición do Dicionario Real Academia Galega).
Para Antonio Navarro Lax, primeiro presidente do club (1942), o montañismo ía máis alá:
«Para nós, o montañismo era aire puro en contacto coa natureza incontaminada, viva e natural, era a saúde do corpo e da mente, era percorrer os mil sendeiros que atravesaban pequenas aldeas e subían a belos miradoiros naturais, onde descansabamos e comíamos comentando as incidencias da excursión…, tamén montañismo era eses despistes entre a néboa e a chuvia andando durante horas totalmente empapados, as moitas noites pasadas en tendas de campaña. Entendíamos o montañismo coma un xeito de vivir que nos ensinaba os diferentes aspectos da sa e natural relación coa natureza, trato humano, coñecemento da nosa terra, exercicio físico para todas as idades e sa maneira de realizar deporte…».