Pequemarchas

Unha vivencia familiar doble: coa túa familia pequena e coa túa e grande familia montañeira

A comezos do ano 2012 analizáronse as actividades ofrecidas a socias e socios do Club observando que as crianzas menores de 8 anos non tiñan actividade programado para elas. Así naceron as pequemarchas: Roteiros de curto percorrido para crianzas de 0 a 8 en familia. 

A primeira convocatoria, o 11 de marzo do 2012, foi un éxito. O roteiro tamén invitaba: percorrido Cangas-Moaña por praias, rochas e camiños e traslado en barco. Descubriuse que era un pracer compartir actividade onde nenas, nenos, país, nais, incluso algún tío ou tía ou avós colaboraban e participaban con alegría tanto se había que parar para que os máis bebés amamantaran, como se había que correr para parar as máis áxiles do grupo.

A esta primeira seguiulle unha segunda pequemarcha no Lago Castiñeiras, unha terceira nas Salina de Ulló e unha cuarta no Monte Aloia, novos éxitos rotundos obrigando a poñer o cartel de completo neste ano 2012.

Esta experiencia do primeiro ano de convocatoria, cunha asistencia media de 70 participantes mostrou a necesidade de ter un calendario anual propio de Pequemarchas. Así, programáronse actividades dende marzo a novembro, incluídos, salvo xullo e agosto, a razón de unha actividade ao mes e, atendendo a peticións de participantes, unha delas sería de fin de semana: Peque-campamento.

Así está o calendario actual fixo, que salvo causas de forza maior (covid19…), realízase anualmente:

  • Marzo: Serra do Galiñeiro. A nosa Serra Montañeira máis próxima. Os últimos anos colaborando coa Comunidade de Montes de Vincios na plantación de árbores autóctonas.
  • Abril, maio, setembro, outubro: Combinación de roteiros por litoral marítimo, vales, montaña, etnografía.
  • Xuño: Peque-campamento que consiste en pasar unha fin de semana nun camping, con roteiro nocturno se as circunstancias e o lugar o permiten.
  • Novembro: Monte Aloia, A outra grande referencia Celta de proximidade. Sempre se pecha o ano de pequemarchas no noso refuxio do Monte Aloia, con roteiro, orientación,  magosto e chocolatada.

O contido das Pequemarchas é moi amplo. A súa primeira finalidade é iniciar a nenas e nenos neso que chamamos “andar polo monte”, que cada vez se fai máis necesario; outros obxectivos son compartir e convivir unha xornada no medio natural; apreciar o medio natural, etc. Unha vez conseguidos estes obxectivos o interese é continuo e permanente.

A programación das pequemarchas segue as pautas de percorrido atractivo, interese especial ou medioambiental, xeolóxico, arqueolóxico, etnográfico ou cultural, asequible a todas as idades, sendo a mostra toda a biodiversidade abarcada nestes anos (bosques de ribeira, mámoas, petróglifos, castelos, furnas e covas, minas auríferas, litoral marítimo, limpezas de praias e areais…)

Os últimos anos introducíronse outros conceptos de coñecemento do medio como Peque-cogumelos (actividade dunha mañá no mes de novembro ou decembro de observación, aprendizaxe e recollida de cogumelos na compaña de Pedro, membro da asociación A Zarrota, con posterior estudio e clasificación, así como tamén unha breve introducción sobre Prantas Silvestres Comestibles e a súa preparación que se inclúe nalgunha das actividades do ano na primavera.

Así, algúns e algunhas que comezaron con meses de idade, renovan cada ano a súa participación e van creando cos que se incorporan lazos montañeiros de amizade.

Tatín Mondaríz